Galletas de Samaín – Halloween biscuits

Na nosa casa nunca fumos de celebrar moito máis que o día de Reis; sen embargo, e a pesares de non compartir a parte de comercial/consumo que se lle quere dar a practicamente todo, dende a chegada de Lea, atopamos moi divertido celebrar pequenas cousas, que nos entreteñan un par de días, que nos traian a colación contos, historias doutros lugares e que nos emocionen, co lema “feito na casa” por bandeira.

Esta temporada andamos liadas co Samaín. Nada serio: un par de debuxos de arañas e gatos, un par de cabazas estratexicamente ubicadas na casa e un toque especial nas galletas da fin de semana.

Vai a proposta de Lea para esta época do ano:

Os Bolechas van á festa dos Calacús, Pepe Carreiro. Editorial A Nosa Terra.

(efectivamente, aínda non superamos a fase Bolechas!)

Ingredientes:

  • Para a masa das galletas (para unhas 25-30 galletas,invención propia!):

– 2 tazas de fariña de trigo

– 1 culleradiña de lévedo químico

– 1/2 culleradiña de canela moída (opcional)

– 125 gr. de manteiga

– 1 ovo

– 1 taza de azucre moreno ou panela

– 3 culleradiñas de crema de améndoa (perfectamente substituíble por mel ou sirope)

– Sal

  • Para a cobertura:

– Azucre glasé

– Auga ou zume de limón

– Colorante alimentario de repostería

Elaboración:

Nunha cunca mesturamos a fariña, o lévedo, a canela (se a usas) e a manteiga. Mesturamos coas mans até ter unha consistencia migañenta. Neste caso non empreguei a Kitchen Aid (estaba na casa dos meus pais!), pero poderiamos facelo a velocidade 2, coa pá amasadora.

Engadimos o resto dos ingredientes, un a un, amasando enerxicamente (eu emprego un garfo) até que teñamos unha masa húmida pero consistente. Gardamos na neveira, mínimo unha hora, pero ben podería quedar até o día seguinte.

Para elaborar as galletas, sacamos a masa da neveira. Nós imos sacando aos poucos porque como leva un tempo estirala e cortala, non queremos que se atempere o resto. Estiramos co rolo de cociña, cortamos da forma desexada: imaxinacion ao poder, coitelo e moitas ganas e paciencia!!

Levamos ao forno, 10 minutos, 180ºC, sacamos a unha reixa a enfriar.

Unha vez frías, elaboramos a cobertura de azucre e imos cubrindo/decorando. Para elo, mestúrase o azucre glasé con unhas gotas de auga ou zume de limón e as gotas de colorante alimentario necesaria segundo a cor que queremos (os propios paquetes traen no envés as indicacións de como facelo).

No caso de galletas que levan dúas cores, como no noso caso as cabazas, hai que ir facendo cor por cor, agardando a que seque a cobertura entre unha e outra cor.

Galletas Oreo

Encántanos tratar de emular en casa fórmulas comerciais que nos gustan pero que a nosa conciencia non nos permite mercar!! Neste caso tratamos de reproducir as míticas galletas Oreo, e aínda que non son exactas ás orixinais si se asemellan no sabor.

A receita está adaptada dun blog, aínda que quitamos azucre no recheo porque quedaban demasiado doces para o noso gusto.

INGREDIENTES (nós empregamos produtos ecolóxicos):

  • Para a masa das galletas

– 1 ovo

– 70 gr. de manteiga (poñela a temperatura ambiente un pedazo antes)

– 100 gr. de azucre moreno

– 160 gr. de fariña

– 95 gr. de cacao en pó de comercio xusto

– Media culleradiña de lévedo químico

– Sal

  • Para o recheo

– 60 gr. de manteiga (atemperada)

– 190 gr. de azucre glasé (faise en 15 segundos na Thermomix a partir de  azucre “normal”)

– Unha culleradiña de extracto de vainilla (nós empregamos do líquido)

ELABORACIÓN

Poñemos o ovo, o azucre e a manteiga (cortada en anaquiños) nunha cunca e batemos. Nós fixémolo na Kitchen Aid, e amasamos a velocidade 2 uns 3 minutos.

Engadimos a fariña, o cacao, o lévedo e o sal e continuamos amasando até dar cunha masa escura e homoxénea. Para facer este proceso na Kitchen Aid, cámbiase a pá amasadora polo gancho amasador.

Este proceso pode facerse por adiantado e deixar por horas ou mesmo para o día seguinte a masa na neveira.

Unha vez feita, hai que estirala (non moi fina porque se non van romper as galletas ao montalas tipo Oreo), cortala e forneala uns 10 minutos, a 180º. Cando as sacamos do forno hai que poñelas nunha reixa para que arrefríen (para este proceso convén axudarse da punta dun coitelo, para non queimarse e para que non rompan).

Para facer o recheo hai que mesturar todos os ingredientes. Na Kitchen aid, coa pá amasadora a velocidade 2 leva uns 3 minutos.

Para montar as galletas faise unha boliña do recheo, sitúase no medio dunha galleta, ponse outra galleta enriba e esmágase con coidadiño. Se sobresae algo de recheo por fóra, pódese raspar lixeiramente co coitelo para que quede “a ras”.

NOTA: Como tivemos a sorte de ter visitas, rematamos as galletas moi rápido e ao días seguinte repetimos a receita sen o recheo e engadimos unhas noces trituradas: fan unhas galletas de cacao estupendas para o té!